A COMPAÑÍA
EIahood é unha compañía galega de danza urbana e creación contemporánea formada por Sabela Domínguez e Julia Laport no ano 2017. A compañía aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo na danza profesional, sosteñen unha visión artística clara e directa, caracterizada pola súa linguaxe visual e musical cunha mirada cara fóra.
En xaneiro de 2018 estrean o seu primeiro espectáculo de longo formato A Soidade de Wally. Tamén contan con pezas curtas para rúa e espazos non convencionais; Impermeable (2018), Protocolo (2018), NOUA (2019) e Desvendando os meus pés (2021) coas que participan en diversos festivais; Festival Corpo(a)Terra, Festival Rúa ExtCénica, Festival Vai de Rúa, Festival Quincegotas e Loop Festival en Portugal.
A perspectiva de xénero e queer forma parte intrínseca da identidade de Elahood, motivándoas a presentar as súas creacións en contextos como o Festival Elas Son Artistas, o Proxecto de Acción Artística Violencia Zero ou o Festival Versión Orixinal, DT Espazo Escénico (Madrid).
Profesionalmente, tamén colaboran con outras compañías na creación e interpretación de proxectos escénicos: A love letter to humanity de Rachel Kay (2018), Clásicas Desfeitas Volume III: Orlando, A Consagración da Primavera e o Mito de Sísifo, unha co-produción entre o Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura (2021) e Replay 2.0 de Pisando Ovos (2021).
No mes de xullo de 2021 estrean o seu novo espectáculo para rúa e espazos non convencionais Intempestiva, unha peza de danza urbana inspirada na figura da recoñecida autora galega Xela Arias. Comparten este traballo en numerosos festivais e programacións e veñen de gañar o Primeiro Premio e o Premio da Crítica no Certamen Coreográfico de Madrid (2021) e o Premio a Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021).
Actualmente están a comezar o proceso de creación do seu novo espectáculo para teatros e auditorios, NÓ, unha co-produción co Centro Coreográfico Galego, da man de Aina Lanas e Kenrick Sandy, que se estreará no mes de febreiro de 2022.
A súa actividade escénica vese acompañada dunha gran presenza na comunidade urbana, impulsando e participando en varios proxectos e eventos tanto a nivel nacional como internacional (Milan, Seoul, Paris, Bangkok...).
Combinan isto co seu papel pedagóxico onde levan a cabo numerosas formacións tanto presenciais dentro da comarca, como en liña onde participan bailaríns de diferentes países. Son coreógrafas e directoras do Colectivo D'elas.
SABELA DOMÍNGUEZ
Sabela é co-directora e coreógrafa de Elahood. Comeza á súa formación como bailarina na Coruña en danza clásica, jazz e interpretación, e posteriormente se muda a Inglaterra para formarse durante o seguintes cinco anos con coreógrafxs internacionais en diferentes estilos de danzas urbanas; Hip- Hop, Waacking, Popping, House e Vogue.
En Londres forma parte da recoñecida compañía Boy Blue Entertainment, gañadora dun Olivier Award, durante tres anos baixo a dirección de Kenrick Sandy, coa que participa en producións como ANWBB no teatro Barbican de Londres, o Festival de Artes de Bloomberg ou Dancer' s Delight. Paralelamente traballa en anuncios publicitarios, participa en vídeos musicais e imparte clases de danza en escolas recoñecidas internacionalmente como Pineapple ou UAL.
Actualmente continúa a súa especialización nas danzas Waacking, Hip Hop e House formándose con pioneiros de estilos e referentes internacionais en diferentes cidades como Seoul, Sydney, Bangkok, Madrid, Vigo, Milán ou París. Onde tamén participa en eventos de batalla, competicións de improvisación e conferencias sobre a cultura urbana.
Compaxina toda a súa actividade dentro da compañía co seu labor pedagóxico na cidade da Coruña, onde adestra a grupos de competición de danzas urbanas e imparte numerosas clases semanais e mensuais en diferentes escolas de danza da provincia.
Forma parte do elenco da nova produción do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, onde morren as nais, un texto de Avelina Pérez baixo a dirección de Marta Pazos, que se estreará en Galicia en abril de 2022.
JULIA LAPORT
Julia é coreógrafa e co-directora de Elahood. Comeza a súa formación de danza na Coruña sendo unha nena, recibindo clases de ballet, jazz e interpretación. Julia múdase a Londres en 2011 onde recibe cinco anos de formación intensiva en diferentes estilos de danzas urbanas. Forma parte tamén de MyselfUk Dance, unha compañía de Hip Hop dirixida por Kloe Dean e de Company B baixo a dirección de Clara Bajado coas que baila en espectáculos coñecidos internacionalmente como Breaking Convention ou The Olivier Awards e completa un curso en artes escénicas e improvisación.
En 2016 volve a Galicia onde funda a compañía de danza urbana Elahood con Sabela Domínguez. Coa que dirixe e interpreta diversos espectáculos ademais de impartir formacións intensivas en diferentes cidades galegas.
Actualmente coordina este traballo co seu labor docente regular na Coruña e Narón así como o adestramento e coreografía de grupos de competición. Ademais de viaxar regularmente para recibir formación e participar en eventos en diferentes cidades do mundo como París, Milán, Madrid, Rio de Janeiro, Bangkok ou Seúl.
Participa como intérprete na nova peza escénica da compañía Elefante Elegante, Alma de Tigre, que se estreará en Ferrol en marzo de 2022.